Saturday 04 de May de 2024

O BNG acada o compromiso da Xunta de arranxar o salón de actos do IES Alfredo Brañas para o inicio do curso 2023-24


O secretario xeral técnico da Consellería de Educación contestou na Comisión 4º do Parlamento ás preguntas formuladas polo deputado Daniel Pérez

O IES Alfredo Brañas de Carballo foi un dos protagonistas da Comisión 4ª do Parlamento de Galicia a raíz das preguntas formuladas polo deputado do BNG Daniel Pérez para coñecer as previsións do Goberno galego con respecto ao arranxo do salón de actos, que leva 16 meses inutilizable por mor dunha praga de caruncho.

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, anunciou que o proxecto está listo e que as obras sairán a licitación este mesmo mes, cun orzamento de 350.000 euros e un prazo de execución de tres meses. O BNG acadou tamén, tras moita insistencia, o compromiso do representante da Xunta de que o salón de actos estará dispoñible para o inicio do curso 2023-24.

Daniel Pérez amosou a súa satisfacción por esta “boa nova” para toda a comunidade educativa do IES Alfredo Brañas e expresou a súa preocupación polo avance da praga de caruncho, que nestes 16 meses sen que se tomase ningunha medida para atallala seguiu estendéndose polo edificio.

O deputado do BNG ilustrou a súa intervención cun vídeo no que pode verse o avanzado estado de deterioro do salón de actos, e lamentou que dende a Xunta de Galicia só se tomasen cartas no asunto a raíz das reiteradas iniciativas presentadas polo grupo nacionalista. Aínda así, e malia as acusacións do representante da Consellería de Educación, Daniel Pérez asegurou: “Nós non queremos anotarnos ningún tanto, o que queremos é que se arranxe dunha vez por todas o salón de actos do IES Alfredo Brañas”.